18/02/08

ADEGA: Campaña

ADEGA: Campaña pola declaración do Courel como Parque Natural

SOS CourelADEGA: Campaña pola declaración do Courel como Parque Natural

O Courel é o territorio de maior biodiversidade e xeodiversidade da Galiza. Polos seus valores naturais e culturais foi declarado Espazo Natural en 1989. Está incluído na Rede Natura 2000. Pero isto non abondou para impedir a inmensa desfeita ambiental e cultural que se está levando a cabo en toda a comarca, con danos irreparábeis aos veciños, aos ecosistemas fluviais, aos elementos culturais, á paisaxe, á flora e fauna… PAREMOS XA ESTA DESFEITA!

Uxío Novoneyra

Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!

Eiquí síntese ben o pouco que é un home.

Augas brancas da Rogueira!

Bouzas pechas d’uces e xestas!

Abrairas teixos faias xardois e reboleiras!

Outo bosco calado!

Fontiñas do corzo!

Carrozos picafondo!

Non hai outro templo máis vasto

nin outro credo

que este silencio

Uxío Novoneyra

Adela Figueroa PanissePrezados/as Amigas/os

Chegamos a un punto de non retorno.

Como galegas/os ou como persoas non podemos consentir a destrución irreversible das montañas do Courel. Unha Serra emblemática que agocha o cerne da Galiza.

Reclamamos unidade de acción contra a destrución sistemática do noso País. Non se pode consentir que se esté argumentando a favor do Desenvolvemento Sustentable, e contra o Cambio Climático, mentres se traballa, desde a administración, a contra destes dous principios. Reclamemos a legalidade do estado de Dereito, e a ética de respectar as riquezas que herdamos para que delas disfruten tamén os que veñan tras de nós a habitar esta , aínda , fermosa terra.

Con dolor e raiba,

Adela Figueroa Panisse. Presidenta de ADEGA