24/01/08

Perderon. Non conseguiron botalo

Perderon. Non conseguiron botalo

isaac_diaz_pardoMáis de cen persoas acudiron ao IGI para acompañar ao Isaac na xunta de accionistas na que previsiblemente ía ser cesado como conselleiro delegado do grupo que el mesmo, xunto cos seus compañeiros galeguistas, conseguiron sacar adiante en pleno franquismo. Foto Ajustin.

Os recentemente expulsados ex-traballadores e ex-traballadoras do IGI, amigos e amigas de Isaac, ex-traballadores e ex-traballadoras de Sargadelos, e colectivos sociais e culturais como SOS Courel, FEG, Comité de Emerxencia Cidadá da Ría de Ferrol, Ateneo Ferrolán, Berrobambán, Chévere, Leña Verde, As Encrobas, Asociación Cultural Os Ancares, Fonte do Milagre, Cineclube Compostela, Adega, Lilith, Arraianos e Burla Negra, entre outros que acudiron á chamada da rede de Acción Sociocultural Arredemo, agardaron no espazo de exposicións do IGI ata o remate da xunta para dar un abrazo cariñoso a Isaac no contexto desta aldraxe.

Do que sabe Arredemo que aconteceu no interior da asemblea, os accionistas maioritarios non conseguiron achegar probas de ningún tipo que avalasen a censura que pretendían sobre Isaac e o actual consello de administración, polo que a súa intención de afastalo definitivamente do proxecto que el creou é, desde hoxe, máis esperpéntica se cadra. Cómpre salientar a defensa teimuda do espírito do proxecto cultural de Sargadelos, patrimonio da Galiza, por parte dos accionistas minoritarios, entre os que estaban Camilo Nogueira, Alonso Montero, Euloxio Ruibal, Luís Álvarez Pousa, Xusto Beramendi, Tareixa Navaza, Paz Andrade, entre outros, e, por suposto, o propio Isaac, que se manifestou especialmente activo.

Entrementres, no exterior, presentamos o número 0 do Xornal Galicia, que serviu para catalizar os ánimos e as emocións dos presentes, que se xunguiron nun sentido aplauso ao Isaac, demostrando que os que estabamos fóra da sala tamén somos accionistas de todo este patrimonio colectivo.

Cando ás once da noite se abriron definitivamente as portas, o xesto dos golpistas delataba con claridade o fracaso da súa tentativa. Ademais tiveron que ver como as persoas congregadas no IGI os despedían con apupos e desprezo, chegando a producirse imaxes de frustración como as que podemos ver no vídeo. Do mesmo xeito, Isaac foi recibido ao berro de ‘Isaac amigo, o pobo está contigo’, ao que el , claramente contento polo resultado da xuntanza, respondeu que el tamén estaba co pobo, para inmediatamente ir abrazarse emocionado cos seus compañeiros ex- traballadores do IGI.

Celebramos a victoria de hoxe, pero sabemos ben que esta é unha batalla máis na longa guerra contra a mediocridade e a falta de pudor que no cultural, no social e no ambiental continuamos padecendo nesta Galiza dos nosos días